Los séniores de la UNED-A Coruña

viernes, 11 de marzo de 2016

"La vida de antes", por Jesús Paz Romero




"Empecei moi pequeno. Non recordo que anos tiña. O motivo do comezo na escola foi porque vivía unha profesora cerca da miña casa e díxolles ós papás que ía con ela, atravesando os carreiros polo monte.

A escola estaba nunha casa particular, cedían un cuarto que tiñan grande sen dividir para poñer escola os rapaces da zona. Había pequenos, pero algún era ben mozo, xa ían ós bailes.

Despois do mes de marzo ou incluso antes, solo íamos a escola a profesora máis eu, porque os outros tiñan que facer traballos do campo; coidar o gando; chamar as vacas; arar; e todos os outros labores.

Esa primeira etapa foi no lugar dos Bedús, na casa dos Bedús en Momán. Despois xa viñen a esta, Casa da Escola en Momán. Eramos máis compañeiros e todos do mesmo tempo. Estudiei tres ou catro anos.

Logo volvín a outra escola, que naquela época estábase facendo, a chamada a Escola da Cova, do lugar do Campo; aquí en Momán. Estaba moi masificada de xente e por iso cambiei para outra. Estiven outros catro anos aproximadamente.

Naqueles tempos había clase de luns a sábado todo o día, entón había que traer da casa algo de comer nunha saqueta, outros se tiñan a casa cerca ían a comer á casa; o único día que se libraba era o domingo e o xoves pola tarde.
Utilizábamos a pizarra e o pizarrillo principalmente para facer contas e para comezar a escribir as primeiras letras, porque así podíase borrar se te enganabas, ou comezar de novo.

Había tamén uns cadernos para os principiantes onde había que cubrir as letras por enriba, os cadernos de caligrafía. Aínda hoxe recordo perfectamente como empecei a facer o número 8. Facía dous redondeles e despois uníaos cunha raia polo medio porque era moi difícil
 Os xogos
Os xogos típicos que se facían nas escolas eran, por exemplo, o "Pilla pilla", que consistía en correr para pillar uns ós outros. O "Escondite". "A pita cega"; tapábamos os ollos a un neno, e este tiña que coller ós outros. "Arrinca nabos", era un xogo que se facía moito nos pasillos cando chovía e non podíamos saír fóra; poñíanse os máis grandes detrás e cada un aguantaba coas mans pola barriga dos que tiña diante, formándose coma unha cadea. Dous rapaces tiraban por diante do primeiro da cadea, cada un polo seu brazo, para intentar arrincar ós máximos posibles desa cadea, ata chegar ó final.

Pelotas non había, daquela comenzaba a haber algunha pero solo a tiñan os máis ricos, e gardabana na casa porque ó vir en zocos, igual saía un disparado e dáballe a un na cabeza, e tamén podía romper, tanto a pelota, coma as zocas, e despois tiña que ir descalzo para casa coa consenguiente bronca que lle esperaba.

"A Marica" poñíamonos de espaldas collidos das mans e metíanos un rapaz por medio, intentando que non saíra da roda, ía dicindo: "por aquí vou, por aquí veño, a miña mariquiña na casa teño", "a onde vas Marica?" e o que estaba dentro contestaba o primeiro que se lle acordaba, por exemplo: "vou cocer", e tiña que seguir... pero xa non recordo cómo remataba o xogo.

Recordo outro xogo no que nos poñíamos os cativos todos en filas, facendo un cadrado ou un círculo, un colocábase no medio, neste xogo o rapaz do medio ía preguntando "nesta casa hai lume?" e o outro contestáballe "naquela corre fume", o rapaz dirixíase a ela e mentras os outros aproveitaban para intercambiarse o sitio entre eles, o xogo consistía en que poidese coller o sitio dun deles e mandalo para o medio, e así comezar de novo. Ata cansábamos ou acababa o tempo do recreo.

Fun a escola ata os 14 anos, despois, tururú..."

Alumno: Jesús Paz Romero
UNED Sénior A Coruña








No hay comentarios:

Publicar un comentario