"Como sabemos, o día 25 de novembro, foi declarado Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, en homenaxe ás irmáns Mirabal, masacradas e asasinadas polos sicarios do ditador Trujillo, na República Dominicana, por opoñerse ás súas inxustas políticas e tamén por ser mulleres.
Para erradicar a violencia de xénero, hai que empezar loitando contra a desigualdade entre nenos e nenas, contra os estereotipos que pretenden marcar diferencias entre homes e mulleres. Mentres sigamos tomando como normal o de “eu rosa e ti azul”, mentres haxa centros educativos, que se consideran de elite, que separen os alumnos por sexos, como hai cincuenta anos, e por enriba estean subvencionados pola administración pública.
Mentres se siga utilizando a figura da muller na publicidade e nos medios de comunicación como mero obxecto decorativo. Mentres as mulleres teñan que utilizar roupa diferente e calzado que destroza a súa anatomía, só porque así son máis femininas e, sobre todo, máis sexis.
Mentres as mulleres deixen de ser contratadas por empresarias que nas queren porque van estar embarazadas e parir.
Mentres as mulleres obteñan menor salario que un home desempeñando o mesmo posto de traballo. Mentres os políticos e empresarios sexan maiormente homes. Mentres os que manexan os fíos da economía e os que mandan no mundo sexan só homes. Mentres, no fogar, os homes non asuman as tarefas en igualdade de obrigación e responsabilidade que as mulleres, etc., etc.
Mentres todo isto pase, seguirá habendo violencia contra as mulleres.
Como consecuencia do paro e de todos os recortes nas prestacións sociais, a desigualdade aumentou enormemente en España.
Desta maneira, algúns son cada vez máis ricos e a gran maioría cada vez máis pobres.
Un dato escalofriante destes días, nos medios de comunicación, no que se afirmaba que oitenta e cinco persoas no mundo posúen elas soas a riqueza do cincuenta por cen da humanidade. Isto é sangrante e non nos pode deixar impasibles. E as mulleres son as primeiras vítimas do paro e a exclusión social.
Montóns de familias monoparentales, nas que unha muller soa ten que sacar adiante aos fillos, sen traballo, sen recursos e sen ningunha axuda por parte das administracións.
Recentemente, o goberno ven de recortar as axudas que ían destinadas ás mulleres maltratadas e as casas de acollida. Isto é outra pedra máis que engadir aos escollos que impiden a realización das mulleres como persoas, en igualdade de dereitos e deberes cos homes, formando todos e todas parte desa humanidade que debe desenvolverse cada día con dignidade.
A violencia contra as mulleres resólvese con educación e máis educación. Se os gobernos se preocupasen de incluír a igualdade entre homes e mulleres nos currículos educativos, e cambiasen os esquemas a nivel político, económico, social e familiar.
Se así ocorrese, a convivencia entre homes e mulleres melloraría bastante.
E se fixese xustiza e se erradicase a pobreza, pois, repito, as mulleres son as que máis a sofren en todos os rincóns do mundo.
E nós, alumnos e alumnas da UNED Sénior de Xestoso, ademais de realizar, ano tras ano, celebracións coma esta, temos que esforzarnos en procurar a igualdade entre homes e mulleres, ser moi respectuosos uns cos outros, non facer comentarios desafortunados cando falamos de algunhas persoas. Ter en conta as opinións de todo o mundo, sexan homes ou mulleres.
Se así o facemos, estaremos aportando o noso gran de area para loitar contra esta lacra que é a violencia de xénero".
Mª Lourdes Pérez Freire
Uned Sénior de Xestoso,
Aula de Paderne
No hay comentarios:
Publicar un comentario