"Onte, día 3 de decembro, os alumnos e alumnas da Uned Sénior de Xestoso, en compañía do noso profesor Felipe Senén López, visitamos o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia.Primeiramente, subimos ao Monte do Gozo, onde observamos o estado de abandono no que se atopa o recinto. Logo, as estatuas ao peregrino, dende onde se divisan as Torres da Catedral.
Monte do Gozo Seguidamente, visitamos o MUPEGA, sede actual inaugurada en outubro do 2004. Desta maneira, retomouse a iniciativa museística de 1.926, como un centro territorial galego, especializado en materia educativa.
A finalidade do Museo Pedagóxico de Galicia é a promoción, recuperación, estudo, mostra e difusión do legado pedagóxico de Galicia. Deste modo, preténdese, tendo en conta sempre o pasado, traballar no presente e coa mirada posta no futuro. É, ademais, unha maneira de honrar a todas as persoas que, de modo sinxelo e en condicións moi duras, fixeron posible a historia da educación na nosa comunidade.
Nas diferentes plantas, observamos xogos e xoguetes antigos, mobiliario, material didáctico, o mundo infantil, as Escolas de alén do mar, o sistema educativo, sala de investigadores, solaina de educadores e mesmo aulas de diferentes épocas, dende a Restauración; a República, o Franquismo, o Posfranquismo, ata a actualidade.
Moi significativo da escola de aqueles tempos é o famoso cadro a “Escola de Doloriñas”, do cal hai unha reprodución no museo.
Museo Pedagóxico de Galicia
O MUPEGA realiza exposicións temporais relacionadas cos distintos ámbitos da educación e da pedagoxía en Galicia. Ademais de potenciar e incentivar a innovación pedagóxica.Na actualidade, ten lugar unha exposición para conmemorar os dez anos da súa creación, con gran cantidade de textos e imaxes alusivos a todas as actividades e acontecementos relativos ao funcionamento do museo neste período de tempo.
A algúns de nós, alumnos e alumnas da Uned Sénior de Xestoso da Aula de Paderne, fíxonos ilusión ver a un mestre, veciño noso, nun dos materiais audiovisuais, concretamente, Eloy Río Miño, que acaba de falecer.
Como sempre, unha visita moi interesante".
Crónica realizada por uno de los alumnos séniores
Uned Senior de Xestoso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario