Los séniores de la UNED-A Coruña

jueves, 16 de abril de 2015

Una mirada al surrealismo de Eugenio Granell





"Hoxe, día 14 de abril, os alumnos e alumnas da UNED Sénior en Xestoso, UNED A Coruña, acompañados polo noso profesor, Felipe Senén López, viaxamos a Santiago, para visitar a Fundación Eugenio Granell.

Como ten por costume, Felipe sempre nos vai introducindo no tema durante a viaxe, e explicando o que podemos observar á dereita e á esquerda do recorrido.
Entrando en Compostela falounos do Monte do Gozo, lugar de entrada dos peregrinos do Camiño Francés, con varios edificios, hoxe, completamente abandonados. O pórtico dos peregrinos. Á dereita, o Mupega (Museo Pedagóxico de Galicia). A Consellería de Sanidade. Á esquerda, diferentes edificios de servizos, a capela de San Lázaro. Barrio que debe o seu nome a un antigo lazareto.

Logo, San Caetano, coa súa igrexa. Antigamente, facíase aquí unha romaría. O edificio coas dependencias da Xunta de Galicia, antigo cuartel e instituto. O barrio de Vite, construído maiormente nos anos oitenta. O antigo Burgo das Nacións. Hoxe, residencia de estudantes e facultades da Universidade, o campus norte. O barrio de Vista Alegre. Á dereita, Montepío, edificio deseñado por Gallego Jorreto. A SGAE. E, xa no Pombal, falounos do descubrimento da tumba do Apóstolo, no ano 813. Como naceu esta cidade arredor deste feito. E como foi medrando fóra das murallas. A rúa das Hortas. Nunha das súas casas, naceu Isaac Díaz Pardo


Chegamos á Ferradura. Aquí, Felipe explicounos que no ano mil cen, Gelmírez fixo de Santiago unha gran cidade. Manda construir a igrexa de Santa Susana, traendo de Braga as reliquias da santa. Polo tanto, trátase dun templo románico, do século XII. Nos anos setenta, Quiroga Palacios devolveunas a Braga. É esta da carballeira unha zona moi interesante desde o punto de vista arqueolóxico. Ata os anos oitenta, celebrábase aquí o mercado dos xoves, e máis a gran feira de Santiago.

Estivemos observando os bancos de ferro, fundido en Sargadelos no mil oitocentos. O palco da música. No mil novecentos puxéronse as portas de pedra, de entrada á Alameda, cos leóns. Un recibe e outro despide. A estatua de Valle Inclán, sentado. Unha fonte do século XVI, etc., etc. Na Ferradura, facíanse fotos, con cámaras tipo das dos irmáns Lumière. A capeliña do Pilar. Árbores plantadas por xente importante, entre elas, Eva Perón. Un monumento sufragado polo colectivo de galegos polo mundo. O monumento a Rosalía, que mira á cidade universitaria. Este campus foi iniciado durante a república, e rematado no franquismo. Hai facultades, residencias de estudantes, etc.

E, como non, o monumento a dúas irmás que foron moi famosas nesta cidade, pola súa peculiar vestimenta e maquillaxe. O autor é César Lombera, o mesmo da escultura a Valle Inclán. As Dúas en punto, que así se lles chamaba, recibían este nome porque era esta a hora na que saían pasear diariamente. Seique procedían dunha familia republicana que foi duramente represaliada. Tamén vimos unha pía procedente dunha antiga fonte da Azabacheria. As casas arredor da Porta Faxeira, que van seguindo a liña da antiga muralla.

Na praza do Toural, o pazo de Bendaña, do arquitecto Clemente Fernández Sarela, mandado construír polos marqueses de Bendaña. A súa construción posúe as características do barroco compostelano. Destaca a estatua dun Atlas que sostén a bola do mundo, presidindo a fachada, sobre o escudo dos marqueses. Subimos por unha robusta escalinata, con balaústres de pedra.
A Fundación Eugenio Granell, pintor surrealista que naceu na Coruña en 1.912, como republicano que foi, tivo que exiliarse en París e en diversas cidades de América Latina, cuxa tradición artesana influíu na súa obra.

O estilo de Eugenio Granell é rompedor, suxerente. Deixar que o mundo dos soños se exprese; que aflore o mundo interior, os códigos internos. Este é o surrealismo. Dos anos trinta aos corenta. Dalí é o prototipo do surrealismo. Toda pintura hai que asociala coa palabra e coa música. Un poema é unha pintura escrita, e unha pintura é un poema de colores.

Granell inspírase tamén nos debuxos automáticos, feitos incoscientemente. En Astorga está a casa da súa familia. E a arte dos chocolateiros inflúe na súa pintura. Ademais de pintar, ilustrou libros. Era amigo de Duchamp, quen levou un váter a unha exposición a Venecia. Todos eles pertencían ás vangardas dadaístas. Nós somos a historia que vivimos. Todo o que levamos dentro de nós brota por algún lado. Para saber destruír, hai que saber construír. Detrás da obra de arte, ten que haber unha técnica e moita teoría. Nos inicios non se entendía esta arte.

No museo, ademais de obras de Granell, tamén vimos pinturas doutros autores como Maruja Mallo, Miró, Picasso, Man Ray, Toyen, algunha obra da Alberto Sánchez, que era como un Picasso da escultura. Tamén vimos nunha das salas, unha instalación formada por unha especie de nube branca no chan, cun labirinto iluminado, e unha rede elevada, nun nivel máis alto. Logo, fotografías de representacións teatrais, con traxes e escenografías deseñadas por Granell. Vitrinas con libros ilustrados. Dous sillóns do seu deseño. Unha recreación do seu estudio, etc. Eugenio Granell é da mesma xeración que García Lorca.

Temos que confesar que á maioría de nós nos custa entender e valorar a arte contemporánea. Pero, gracias ás excelentes explicacións e estímulo do noso profesor, acabamos contaxiándonos do seu entusiasmo e sentíndonos interpelados por estas obras de arte, e acabamos disfrutando da súa observación e coñecemento. Gracias, de verdade, Felipe!"


Texto escrito por un alumno sénior de la UNED A Coruña


Página de la Fundación Eugenio Granell




No hay comentarios:

Publicar un comentario