Los séniores de la UNED-A Coruña

jueves, 23 de abril de 2015

Descubriendo a Antonio Palacios





"Hoxe, día vinte e un de abril, os alumnos e alumnas da Uned Sénior, acompañados polo noso profesor Felipe Senén López, fixemos unha viaxe á cidade de Vigo, para visitar o MARCO (Museo de Arte Contemporánea), o Teatro García Barbón, a Rúa do Príncipe, o corazón financieiro da cidade, etc. En xeral, a arquitectura deseñada por Antonio Palacios.

Como sempre, durante o recorrido, Felipe vainos comentando o que podemos observar á dereita e á esquerda, ademais dos feitos históricos relacionados con estes lugares. Así, xa na provincia de Pontevedra, á altura de Pontecesures, falounos da famosa Carolina Otero, “La Bella Otero”. Persoa que, despois de sufrir moitas dificultades na súa nenez e adolescencica, foi polo mundo, traballando de bailarina, na Arxentina, en París, na Rusia dos Zares. Finalmente, en Mónaco, chegou a ser dona do casino de Montecarlo. Luciu xoias moi valiosas, mesmo unha chamada “Bolero”, deseñada por Cartier. Pero conforme veu a riqueza, tamén se perdeu, e así, ao final dos seus días, viviu na pobreza, en Niza. A escritora Carmen Posadas escribiu unha interesante biografía sobre Carolina Otero.

Continuamos a viaxe. Á esquerda, queda Campo Lameiro e os Milagres de Amil. Máis adiante, San Benitiño de Lérez. O Padre Feixó e o Padre Sarmiento foron destas terras. Reis como Carlos IV acudían a eles para consultarlles aspectos de carácter científico, moral, etc. Na cidade de Pontevedra, a igrexa de Santa María, que lle deu nome á barca de Colón. Lourizán, coa finca e palacete de Montero Ríos. A Illa de San Simón, cun lazareto en 1.850. Logo, na Guerra Civil, como lugar de purga e fusilamento dos disidentes republicanos. Á dereita da Ponte de Rande, o vello porto do Wolfran, que se exportaba a Alemania. As bateas do mexillón. Á dereita a península do Morrazo, co monte Xaxán. O barrio de Teis. A nova estación do AVE, que une Coruña e Vigo.

Un paseo por Vigo é un recorrido pola mellor arquitectura do século XX. Casas feitas de pedra, con deseños modernos. Grandes edificios con galerías de ferro fundido en Vigo, Vilagarcía e A Coruña. Algúns de estilo historicista. O arquitecto Antonio Palacios é o autor do deseño desta zona da cidade. Palacetes feitos con cantería labrada, obra de bos mestres canteiros, con alegorías ao progreso, o tema da navegación, etc. Ventanais con vidros curvos, feitos por Unión Cristaleira. A Porta do Sol. O teatro García Barbón, construído en 1.920, como un gran teatro da ópera. Paseamos pola rúa do Príncipe. A xoiería dos irmáns Fernández. O Círculo Mercantil, etc. Na parte baixa da cidade, o paseo. Na media, o comercio e trasporte máis lento. Na alta, a zona do trasporte rápido. Como Mónaco. Edificios con peineta (algúns con finas columnas de gres), pensados para a luz eléctrica, que nace co século XX. Unha escultura dun vendedor de periódicos. 

Polo ano 1.880, constrúese a Prisión Modelo, seguindo as directrices de Dona Concepción Arenal, quen pretendía humanizar os cárceres. Nos anos setenta e oitenta, foi xulgado. A partir do dous mil, rehabilítase para instalar nela o MARCO (Museo de Arte Contemporánea). Pero, conservando a estrutura orixinal da prisión, cun corpo central para a vixilancia. A parte baixa, en forma de estrela, con espazos amplos. Luz cenital. Grandes portalóns, que permitan o paso de obras de gran tamaño. Este museo ten asociadas unha libraría e unha cociña de deseño. As obras expostas pertencen á arte de vangarda, dos novos creadores. As que observamos son de Francisco Mantecón.

Logo, o cine Fraga, fundado por Isaac Fraga, padriño de Isaac Díaz Pardo. Coa decadencia do cine, nos anos setenta, convertiron a parte baixa nunha sala de festas. 


Claudio Sanmartín na Coruña e Franqueira en Vigo, están na orixe da que máis tarde, foi Caixa Galicia. Con anterioridade á fusión das caixas, Caixa Vigo comprou o Teatro García Barbón, construído en 1.920, con deseño de Antonio Palacios, autor de grandes edificios, como o Templo Votivo de Nigrán, o Templo da Veracruz do Carballiño, o Palacio de Comunicacións de Madrid, etc., etc. Este arquitecto pretende dignificar a arte dos canteiros, da pedra labrada, a través das obras da súa creación. Quixo facer edificios emblemáticos, utilizando a pedra, o vidro, o mosaico, o formigón. Antonio Palacios equilibra a tradición e a innovación. Sempre xogando co recoveco e co círculo.

O Teatro, a principios de século, era unha actividade social moi importante. Tiña que haber un hall, onde as persoas puidesen relacionarse. O García Barbón posúe esta entrada, cunhas fermosísimas columnas megalíticas. Detrás do escenario un ventanal, que permitía ver o mar e as illas Cíes. Debaixo, o cine, cunha cúpula feita con formigón e ferro, que sustenta o gran teatro. Algo moi novedoso naqueles tempos.

No lateral do edificio, vimos unha exposición de pinturas de Dalí, algunhas relacionadas con fábulas de La Fontaine. Algúns temas son recreacións que outros traballaron anteriormente como Durero, por exemplo. Dalí provoca constantemente ao visitante. A súa obra é puro surrealismo.

Na Casa das Artes, visitamos a Fundación Laxeiro, creada para conservar, difundir e autentificar a súa obra. O astrónomo Aller Ulloa descubriu en Lalín a este rapaz da aldea, que debuxaba marabillosamente. Emigrou a Cuba e, alí, fórmase na Escola de Bellas Artes. Na Arxentina, coñeceu a Castelao e a Colmeiro. Pintaba cousas tipicamente galegas, tanto realistas como en abstracto, combinando tradición e vangarda.


Contemplamos diferentes obras, como o Trasmundo (o mundo real e o da morte), o mundo do Entroido, etc. No senado, hai grandes obras de Laxeiro. Na rúa do Príncipe, tiña un taller. En Madrid, enriba do café Gijón, outro. Era un gran creador. É o pintor contemporáneo máis cotizado de Galicia.

Saímos de Vigo contemplando a antiga oliveira, que mira ao mar. Unha escultura de Xaime Quesada. Os Redeiros da Gran Vía son de Ramón Conde. Os Cabalos, de Oliveira. Tantas cousas que ver en Vigo... Verdadeiramente é a gran cidade de Galicia. Gracias, Felipe, por todas as súas ensinanzas e as marabillosas vivencias que nos permite experimentar."
 Crónica escrita por un alumno de la UNED Sénior A Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario