Los séniores de la UNED-A Coruña

miércoles, 16 de diciembre de 2015

Alumnos de clase de Música de Paderne se suman al espíritu navideño




"Hoxe, día 16 de decembro, mércores, os alumnos e alumnas da asignatura de Música da UNED Sénior A Coruña, non tiveron a clase en Paderne, como sempre. Non. 
É tempo de Nadal, e de solidariedade; polo tanto, de compartir cos demais o noso tempo, os nosos bens materiais e tamén, como non, a nosa arte. E que mellor forma de arte que a música popular e as panxoliñas de Nadal?

Pois, poñendo en práctica o aprendido, e levando a súa música fóra da aula, alá foron, á Residencia de Anciáns Irmáns García Naveira, de Betanzos, ao “Coto”, como se a coñece popularmente. A alegrarlles a vida a esas persoas que, por causas familiares ou sociais, se atopan soas, sen unha man amiga que as acariñe, excepto as coidadoras, que seguro o fan a diario.
Clase de Música-Alumnos de la UNED Sénior A Coruña


Esta Residencia é rexentada pola orde das “Hermanitas dos anciáns desamparados”, que foi fundada en 1.873, en Barbastro, Huesca, pola relixiosa Teresa Jornet e Ibars, quen naceu en Lleida, no 1.843, no seo dunha familia relixiosa, e faleceu en Valencia no 1.897. Foi beatificada polo Papa Pío XII, e canonizada por Pablo VI. A súa onomástica celébrase o 26 de agosto. Á súa morte, deixou 103 residencias fundadas, entre España e América. Hoxe, hai máis de duascentas por todo o mundo.

A finalidade desta Orde foi o coidado dos anciáns desamparados, como o seu nome indica. Unha obra social importantísima, máis aínda cando foi fundada, en pleno século XIX, cando non existía protección de ningún tipo, e a pobreza da maioría da poboación era extrema. Pretendían “coidar o corpo, para salvar a alma”. 
Hoxe, é unha residencia moi solicitada, por todo o mundo. E non sabemos cales son os criterios de admisión. Oxalá, se siga mantendo o principio de “ancián desamparado”, pois, desgraciadamente, tamén agora existen anciáns en situación de desamparo, tanto económico como familiar. E as residencias públicas están a anos luz de cubrir as necesidades da poboación que as solicita, como, en xustiza, debería de ser.

Foi unha xornada moi entrañable, para as persoas do grupo da UNED Sénior A Coruña, e tamén para as da Residencia, pois, algúns coñecíanse persoalmente. Non sei quen amosaría máis cara de satisfacción, se os músicos ou as persoas que os escoitaban. 
Escoitaban, sorrían, aplaudían, cantaruxaban... Participaron activamente, mesmo algúns sentados nunha cadeira de rodas. E o colmo do disfrute mutuo foi cando algunhas persoas do grupo os sacaron a bailar. A alegría, o sorriso, algunha bágoa perdida... Que fermoso é compartir os bos momentos, sobre todo, con quen máis os necesita!

Moitísimas gracias ás persoas que dirixen esta Residencia, tamén ás traballadoras que cada día fan o imposible para que as persoas que alí viven sexan felices, creando un ambiente de cariño e familiar. E gracias especiais para os anciáns e anciás, por escoitar a este grupo da UNED Sénior A Coruña con tanto cariño e agarimo. E tamén por todo o que deixan traballado nesta vida polo ben da súa familia e da sociedade en xeral".



Mª Lourdes Pérez Freire
UNED Sénior A Coruña
Xestoso, Paderne



No hay comentarios:

Publicar un comentario