"Un ano máis, xuntámonos
os alumnos e alumnas da Uned Sénior de Xestoso para celebrar o Día
das Letras Galegas. A primeira vez que se celebrou esta festa foi o
17 de maio de 1.963, para conmemorar o centenario da publicación do
libro “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro. A partir desa
data, vense celebrando todos os anos. Cada vez dedicado a un escritor
ou escritora da nosa literatura que xa falecera. Está claro que
algúns tiveron máis sorte ca outros, pois, por exemplo, a Ricardo
Carballo Calero aínda non lle tocou, e xa hai ben anos do seu
pasamento.
Xosé Filgueira Valverde |
Este ano, o Día das Letras
Galegas está dedicado a Xosé Filgueira Valverde, historiador,
antropólogo, escritor polígrafo. Foi cofundador e director do Museo
de Pontevedra, do Instituto Padre Sarmiento, do Seminario de Estudos
Galegos, etc. Foi profesor de ensino medio. Formou parte da Real
Academia Galega e da Academia da Historia. Participou activamente na
política, sendo, entre outras cousas, alcalde de Pontevedra. Amosou
sempre, ao longo da súa vida, unha gran preocupación pola lingua e
a cultura galega, sempre desde unha postura moderada e conservadora.
Pero, hai autores que consideran que a súa traxectoria persoal amosa
luces e sombras. Quizais pola súa participación activa na vida
pública, mesmo na política, durante a ditadura. Veñen de
publicarse uns poemas ensalzando ao franquismo, que parece que son da
súa autoría.
Con independencia do autor
ou autora ao que se lle dedique o Día das Letras Galegas, a nosa
reflexión sempre é a mesma. A lingua galega está en claro
retroceso, e non é tanto porque a xente de sempre deixe de
utilizala, senón porque ás novas xeracións non se lles inculcou a
importancia e necesidade de utilizala e sentila como propia. A Xunta
de Galicia retirou a dotación económica dedicada aos Equipos de
Normalización Lingüística dos centros de ensino. Prohibiuse
impartir docencia de algunhas materias en galego, como se a nosa
lingua non fose útil e apropiada para acceder ao coñecemento
científico. Incrementouse o estudo de linguas estranxeiras en
detrimento do galego. Deixou de utilizarse publicamente por moitas
das persoas encargadas de representarnos nas institucións. Cando
deberían de dar exemplo. As linguas minorizadas deben de
experimentar unha descriminación positiva, para evitar a súa
desaparición.
Os galegos e as galegas
temos un xeito de ser e de vivir no mundo debido a nosa lingua e
cultura. E, claro que temos que coñecer outras linguas, cantas máis
mellor, e acceder á cultura universal, pero, sempre a través da
propia. Se non o facemos así, non seremos ninguén. Simplemente,
árbores sen raíces.
Lingüístas de todo o
mundo afirman que cantas máis linguas domina unha persoa máis doado
lle é aprender outras novas. Os nenos e nenas de países bilingües
teñen máis facilidade para aprender linguas estranxeiras que os de
zonas monolingües. Isto está demostrado cientificamente.
Finalmente, reivindicamos,
desde aquí, o dereito a vivir e exercer a nosa cidadanía en galego,
na lingua propia de Galicia. E queremos que as autoridades que nos
representan cumpran co seu deber de divulgar, apoiar e promocionar a
lingua galega, como vehículo principal de comunicación entre os
habitantes de Galicia, e como forma de manifestar a nosa
idiosincrasia e xeito de ser e vivir no mundo. Ninguén saberá
apreciar o dos demais senón valora o propio. É a través da nosa
lingua e cultura como temos que acceder á cultura universal,
pasando así a formar parte solidariamente do gran grupo de cidadáns
do Planeta."
Alumna: Mª Lourdes Pérez Freire. UNED Sénior A Coruña
No hay comentarios:
Publicar un comentario