Los séniores de la UNED-A Coruña

martes, 19 de mayo de 2015

Atravesando el mapa









"Os alumnos e alumnas da Uned Sénior de Xestoso, xunto cos nosos delegados Amelia Fornos e Antonio Currás, fixemos unha viaxe a Benidorm. Saímos de madrugada, o día dez de maio. O autobús da empresa Pita foinos recollendo nas distintas paradas. Xente procedente de Momán, Xestoso, Cambás, Paderne, Ferrol, mesmo de Compostela, de onde saíron, pouco pasada a media noite, Leonor e Zoilo, dúas persoas admirables, en idade e dignidade.

Deixamos Galicia amencendo. Logo, o Bierzo, de Castela León, con matices galegos. Seguimos cara a meseta, aínda sonolentos. Os primeiros raios da mañá reflíctense nos trigais verdes. O autobús vai rodando, dirixido por ese chófer marabilloso que é Víctor Pita. Un home moi calado. As palabras xustas, pero sempre acertadas e sensatas. Sen decatarnos, xa pasamos Madrid. Alí quedou, á esquerda, a capital. Comemos en Tarancón, provincia de Cuenca.

Logo, Motilla do Palancar, as terras vermellas de Castela a Mancha. Os trigais, anque aínda verdes, xa con matices amarelentos. Campos de amapolas. Almansa, na provincia de Albacete, co seu castelo. A continuación, Villena. Xa estamos na provincia de Alicante. Viñedos con rego por goteo. Algúns protexidos con rede. Amendoeiras, oliveiras. Agora, laranxeiras, nispareiros, lucindo apetitosos froitos. Alicante á dereita, co castelo de Santa Bárbara vixiante, alí, arriba. Xa vemos o Mediterráneo. Doce horas sen mar e xa o botamos de menos. Chegamos cansos a Benidorm, pero moi contentos. 
Torre Lúgano


Día once, libre. O día doce, acompañados por Mirta, unha guía, dirixímonos a Elche. Durante o recorrido, foinos explicando moitos aspectos da cidade de Benidorm, como que ten a súa orixe nun pequeno pobo de pescadores, e que foi aupada ao turismo na época do franquismo, cando se empezaron a construír a maioría das torres que hoxe existen. Que, por certo, as máis altas son o edificio Intempo, o último en construírse, o hotel Bali e a torre Lúgano. O primeiro é o rañaceos máis alto de España e un dos máis altos de Europa. Actualmente, Benidorm ten uns setenta e tres mil habitantes, dos cales uns doce mil son estranxeiros residentes e que pertencen a cento vinte e dúas nacionalidades distintas. No verán, esta cifra aumenta. 
Chegando a Elche, Mirta explicounos que esta cidade é dúas veces Patrimonio da Humanidade. Unha polo seu palmeral, único en Europa, e outra Patrimonio Inmaterial, pola festa do seu Misterio, que se celebra os días catorce e quince de agosto, na igrexa de Santa María, onde se recrea a Asunción da Virxe ao ceo.

Paseamos polo palmeral e visitamos a igrexa, escoitando atentamente as explicacións da guía, entre outras cousas, sobre a Palmeira Imperial, en forma de candelabro, que se atopa no Horto do Cura. Desgraciadamente, un insecto, o picudo vermello, está afectando seriamente ás palmeiras. 

  
Pola tarde, visitamos Guadalest, acompañados por Vicente, outro guía, que nos foi explicando cada detalle da paisaxe e da historia destes pobos. Guadalest é un pobo situado nun val, rodeado polas serras de Aitana e la Xordá. As augas do río Guadalest están recollidas nun embalse do mesmo nome. Este é un pobo pequeno, eminentemente turístico, cun castelo na parte alta, que domina todo o val. Recorrémolo dando un paseo. Varias persoas visitaron o museo de miniaturas de Antonio Marco. Outras entraron nun pequeno museo etnográfico, pero que contén obxectos e escenas moi interesantes, como unha almazara, un muíño hidráulico, a típica cociña da casa de campo alicantina, etc. 


Despois, visitamos Polop de la Marina, famosa, entre outras cousas, pola súa fonte, con cento vinte e dous canos de auga. Tamén, aquí, visitaron un belén de Antonio Marco. Ao día seguinte, acompañados de novo por Vicente, visitamos a cidade de Alicante. Subimos ao castelo de Santa Bárbara, desde onde se divisa unha ampla vista da cidade. Entramos no museo de Fogueres, moi semellante ao museo do Ninot de Valencia, onde se exhiben as diferentes esculturas indultadas, que se libraron da queima cada noite de San Xoán. Visitamos o concello, un edificio de estilo barroco valenciano, moi interesante. Logo, a concatedral. Paseamos polas Ramblas e o paseo das Palmeiras.

Pola tarde, fixemos unha panorámica por Benidorm, especialmente a zona de levante. Subimos pola pendente, bordeando a torre Lúgano, a terceira en altura. E poidemos contemplar unha interesante perspectiva da cidade, coas praias de levante e poniente, as diferentes torres debuxadas no ceo, e o pico Campana dándolle abrigo, e axudando a crear ese microclima que tanto atrae aos turistas a Benidorm, especialmente aos estranxeiros. Seguimos bordeando a costa, e pasamos por El Albir, Altea. Os criadeiros de lubinas e doradas, no mar, tamén os portos deportivos, claro. Sempre en detrimento dos pesqueiros. O meridiano de Greenwich pasa por ese lugar. Os túneles do Mascarat separan a Marina Alta da Marina Baixa. As salinas de Calpe. O porto pesqueiro. Estivemos vendo como descargaban caixas de pulpo e as introducían na lonxa. O peñón de Ifach, o parque natural máis pequeno da península Ibérica. Todas as urbanizacións e casas que poblan as ladeiras das montañas (na costa, hai máis edificios altos de apartamentos e hoteis), a maioría das pequenas construcións, xa sexan de agricultores ou de turistas, imitan aos antigos “riurraus”, casas porticadas, con varios arcos, onde, antigamente, secaban as uvas pasas. Ao pasar, fixámonos nunha igrexa ortodoxa rusa, dedicada ao arcanxo San Gabriel, construída por un magnate ruso, con cinco cúpulas de ouro, imitando ao estilo bizantino, aos pes de Altea Hills, unha montaña convertida en auténtica cascada de urbanizacións de luxo. Ao longo da costa, algún resto de atalaia defensiva, para vixiar, noutros tempos, a entrada de ataques corsarios. 



O xoves, pola tarde, visitamos a fábrica de chocolates Valor. Despois da visita ás instalacións, degustación e compra. Foi unha xornada doce e interesante. O venres, día libre. Algúns visitamos Denia, utilizando o tren metropolitano. A paisaxe costeira durante o recorrido, as froitas e verduras no seu mercado central, unha delicia. Outras persoas foron no catamarán ata a illa de Benidorm. A paisaxe do fondo mariño, a perspectiva da cidade dende o mar. Todo moi interesante.

Hoxe, sábado, regresamos. Moi contentos e satisfeitos destes días que pasamos xuntos en Benidorm, que, aínda que pareza un lugar pensado para o turismo de masas, ten o seu encanto, e pódese disfrutar moito da súa visita e arredores. Soamente algo entristeceu moito a nosa viaxe, e foi a noticia do falecemento do noso compañeiro Víctor Corral. Con aproximadamente sete anos, foi coa súa familia da capela a Momán, onde residiu o resto da súa vida. Sendo un rapazote, un pistón, resto da guerra civil, rebentoulle nas mans, amputándolle varios dedos. Pero, isto non lle impediu exercer a profesión de mecánico con moita dignidade. Ultimamente, padecía unha enfermidade dexenerativa, que lle condicionaba bastante a vida. Isto incrementou a solidariedade dos seus veciños e compañeiros da Uned Sénior cara a el.

VAIA PARA TI O NOSO AFECTO E HOMENAXE, VÍCTOR. DESCANSA EN PAZ.

Finalmente, gracias a Víctor Pita, o noso chófer, a Amelia Fornos e a Antonio Currás, os nosos delegados. E tamén á Uned Sénior de Xestoso, dirixida polo noso coordinador Luís Ángel Rodríguez Patiño, pola organización desta viaxe, que tanto disfrutamos. Saúde a todos!"


Crónica de un alumno del progrma sénior UNED A Coruña





No hay comentarios:

Publicar un comentario