Alumno: Jesús Paz Romero
UNED Sénior A Coruña
Aula: Momán
Artículo en relación al Programa "Yo me acuerdo"
Imagen facilitada por el coordinador de la UNED Sénior en A Coruña |
A escola estaba nunha casa particular, cedían un cuarto que tiñan grande sen dividir para poñer escola os rapaces da contorna. Había pequenos, pero algún era xa ben mozo, xa ían ós bailes.
Despois no mes de marzo ou incluso antes, solo íamos a escola a profesora máis eu, porque os outros tiñan que facer os traballos do campo, coidar ó gando, chaman as vacas para arar e máis labores.
Esa primeira etapa foi no lugar dos Bedús, na casa dos Bedús en Momán. Despois xa viñen a esta, Casa da Escola de Momán, eramos máis compañeiros e todos do mesmo tempo. Estudiei uns tres ou catro anos. Logo volvín a outra escola, que naquela época estábase facendo, a chamada “A escola da Cova” do lugar do “Campo”; aquí en Momán estaba moi masificada de xente e por iso cambiei para a outra.
Estiven outros catro anos aproximadamente.
Naqueles tempos había clase de luns a sábado todo o día, entón había que traer da casa algo de comer nunha saqueta, outros se tiñan a casa cerca ían comer á casa; o único día que se libraba era o domingo e os xoves pola tarde.
Utilizábamos a pizarra e o pizarrillo principalmente para facer contas e para comezar a escribir as primeiras letras, porque así podíase borrar se te enganabas ou comezar de novo. Había tamén uns cadernos para os principiantes onde había que cubrir as letras por encima: os cadernos de caligrafía.
Aínda hoxe recordo perfectamente como empezei a facer o número oito, facía dous redondeles e despois uníaos cunha raia polo medio, porque erame moi difícil.
Os xogos típicos que se facían nas escolas eran por exemplo o “pilla, pilla” que consistía en correr para pillar uns ós outros, “o escondite”. "a pita cega”tapábamos os ollos a un neno e éste tiña que coller ós outros. “Arrinca nabos” era un xogo que se facía moito nos pasillos cando chovia, porque non podíamos saír para fora, poñíanse os máis grandes detrás e cada un aguantaba coas dúas mans pola barriga dos que tiña diante, formándose coma unha cadea, dous rapaces tiraban por diante do primeiro da cadea, cada un do seu brazo, para intentar arrincalo a él, e os máximos posibles desa cadea ata chegar ao final e arrincaban o nabo.
Pelotas non había, bueno comezaba a haber algunha pero só a tiñan os máis ricos e gardada na casa porque o vir en zocos igual salía un disparado e dáballe a un na cabeza; e tamén podían romper, tanto a pelota coma as zocas e despois tiña que ir descalzo para a casa coa conseguinte bronca que lle esperaba.
“A marica” poñíamonos de espaldas collidos das mans e metíamos a un rapaz no medio intentando que non salira da roda, ía dicindo: “por aquí vou, por aquí veño, a miña mariquiña na casa a teño”, “a onde vas Marica?” e o que estaba dentro contestaba o primeiro que se lle acordaba por exemplo “vou cocer” e tiña que seguir, pero xa no me recordo como remataba este xogo.
Recordo outro xogo no que nos poñíamos os cativos todos en filas facendo un cadrado ou un círculo e un colocábase no medio, neste xogo o rapaz do medio ía preguntando: “nesta casa hai lume?” e o outro contestáballe: “naquela corre fume” e o rapaz dirixíase a ela mentras os outros aproveitan para intercambiarse o sitio entre eles, o xogo consistía en que poidese coller o sitio dun deles e mandalo para o medio e así comezar o xogo de novo, ata que nos cansabamos ou acababa o tempo do recreo.
Fun a escola ata os 14 anos, despois tururu…"
No hay comentarios:
Publicar un comentario