Los séniores de la UNED-A Coruña

miércoles, 14 de mayo de 2014

"Celebración As Letras Galegas", por la alumna Lourdes Pérez



"Un ano máis, e xa van cincuenta e un, dispoñémonos a celebrar o Día das Letras Galegas. Unha data dedicada a honrar a algún escritor da literatura galega que xa non está entre nós. 

A primeira foi Rosalía, no 1.963, cen anos despois da publicación do seu libro “Cantares Gallegos”. Pero, que significa o Día das Letras Galegas para a xente de Galicia? Para a maioría, un día festivo que aproveitan para descansar e, se fai bo tempo, ir á praia.

Lourdes Pérez
As autoridades, que son as que deberían dar exemplo, limítanse, ese día, a facer algún acto institucional dedicado ao autor ou autora de turno, e aí quedou a cousa. O resto do ano non se fala máis desta persoa nin da súa obra, por moi interesante que ela sexa.
Seguramente, se preguntamos a alumnos e alumnas de institutos e mesmo da universidade, sobre escritores a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en anos anteriores, non saben nada, nin deles nin da súa obra. E, cando, este ano, oíron falar de Xosé María Díaz Castro, moitos deles preguntaríanse: “Quen é ese?”

Pero, por que sucede isto? Por que non se dá a coñecer a obra dos escritores e escritoras en lingua galega? Por que non se promociona a lectura dos seus libros? 

Todas estas preguntas teñen unha resposta: porque somos un país que non valoramos a propia cultura. Parécenos que o que ven de fóra é o bo, o fino, o mellor, e desprezamos o noso. Isto non ocorre en ningún país do noso entorno, nin sequera nos do terceiro mundo.

Ninguén pode acceder á cultura universal se non é partindo da súa propia. 

Ningunha planta pode medrar se non ten raíces. As nosas raíces son a nosa lingua e cultura e, a  partir de aí, podemos aprender e practicar outras linguas, cantas máis mellor, pero, sempre partindo da nosa.
A nosa forma de ser, de ver a vida, está configurada polos nosos costumes, pola nosa tradición, por todos eses valores que nos transmitiron os nosos antepasados. E toda esa bagaxe cultural, xunto coa nosa lingua, conforman a nosa personalidade. E todo isto debe ser o fermento que levede esa ampla formación cultural e de todo tipo que cada un de nós, galegos e galegas debe posuír.

Hai determinadas persoas que se consideran moi sabias e estudadas e renegan da súa lingua e cultura. Mágoa que non se decaten de que teñen unha eiva, de que lles faltan as raíces. No fondo, moitas delas sofren un pequeno trastorno de personalidade, que se chama autoodio. 
Claro que non é a súa culpa. A culpa foi e é de quen ten o poder para crear conciencia e adoutrinar, a través dos medios de comunicación, especialmente, e, en vez de descriminar positivamente a nosa lingua e cultura, fai o contrario, poñendo obstáculos e dificultades para que ao galego non se lle dea o tratamento que merece no ensino e na sociedade, argumentando que non se pode obrigar a ninguén a estudar o que non quere. As outras materias do curriculum si que obrigan a estudalas. Só faltaría que non o fixesen.
Concluíndo esta reflexión. Se cadra, non debería existir o Día das Letras Galegas. A literatura galega, a nosa lingua e cultura deberían estar presentes a diario nas escolas, nas fábricas, nas nosas vidas en xeral. Se así fora, non facía falta dedicar ningún día especial ás Letras Galegas, pois, tal como se fai, está totalmente baleiro de contido.

Pensemos seriamente todo isto, e procuremos coñecer, estimar e valorar o propio. Procuremos ser nós mesmos. Se así o facemos, chegaremos moi lonxe, accedendo, facilmente á cultura universal. E o que valora o seu, tamén aprende a respectar e valorar o dos demais".


No hay comentarios:

Publicar un comentario