Los séniores de la UNED-A Coruña

lunes, 4 de abril de 2016

"La vida de antes", por Oliva


"Vou contar un pouco do que me acordo de cómo era a vida aquí, antes.
Ir ós médicos
Agora hai un centro de saúde no concello, pero antes non había nada. Como moito na maioría das casas había unha ou dúas inxeccións de penincilina ou unhas pastillas das que do nome non me lembro, pero que se coñecían como "pastillas da neumonía". Ías a botica de Yllade, nas Pontes, ou á de Couceiro en Betanzos, e pedías esas pastillas.
Cando unha persoa estaba moi enferma, poñían unha inxección ou máis. Se tiñan catarro ou gripe fervían leite con ovo e manteca de porco; e miña nai, cando tíñamos febre, untábanos o corpo con ovo e espolvoreábanos con fariña de centeo, e envolvíanos nunha saba para estar na cama, ata que pasara a febre.

Para poñer unha inxección, por exemplo, había persoas que o facían como hoxe un enfermeiro. Eu tiven pleura no pulmón, con parálise, e tiven que pincharme durante nove meses seguidos, e os que facían eran tan bos coma os enfermeiros de hoxe.

Cómo facía unha muller cando estaba para dar a luz? Na maioría das veces pasaba na cociña ou no cuarto. Xuntánbanse veciñas e facían o que podían. Eu, por exemplo, parín na cociña, acompañada da miña nai e da miña sogra, xunto con veciñas. Despois de parir tiven que permanecer durante oito días na cama, sen levantar, a caldos de galiña. Tiña moita sede, pero non me daban auga porque dicían, "era mala". Non facía máis que soñar con ríos.

Como non había médicos coma agora, cando nos cortábanos ou nos lastimábanos moito, ían á arnica -que había por todos lados e hoxe nada de nada-, para cocela. Logo se lavaban as feridas con ese agua, para que curasen máis rápido e para que non se infectaran. Se a ferida sangraba moito, botábase barro.

O médico que había era para todo. O concello tiña unha moto e ía polas estradas -se as había- cando o chamaban para atender algún enfermo. Onde non había estrada, había que ir buscalo nun cabalo. Se había que quitar un enfermo, tiña que facerse nunha camiña ata onde houbera estrada.
Un irmán meu que se operou de apendicite, ós nove días da intervención déronlle a alta  e tiña que vir andando dende o deixou o coche: oito ou nove quilómetros, pero no medio do camiño parou, sentouse e dixo que non podía andar máis e houbo que ir buscar un tractor para poder levalo a casa.

Cando os nenos pequenos choraban moito e non tiñan febre, dicíase que era das lombrigas, entón pisaban follas de menta con leite e dábanllo a beber para matalas. Se tiñas catarro, poníanche nas espalda, polos lados e na columna, no peito e na planta dos pés, sebo sen sal, que é a graxa das ovellas, con papel de estraza por riba.

Para moitas enfermidades da pel, había bendicións e tamén para as queimaduras e as belidas.

O liño
O liño daba moito traballo. Había que sementalo no mes de abril ou maio. Despois de nacido había que arrincar as malas herbas, o que lle chaman mondalo, e despois organizalo en lotes pequenos para logo metelo na auga nove días. Unha vez pasados, quitábase e extendíase nun campeiro a secar, e axiña que estaba ben seco, recollíase. Despois do inverno as mulleres preparábano, poñíano en presas pequenas e mazotábano. O día que cocían o pan, cando quitaban o pan don forno e aínda estaba quente, metían o liño para que se quentara e seguir mazotando e logo tascalo. Así varios días máis.

Despois de tascado, o liño restrelábase para poñelo la roca, e poder fialo. Logo colocábase en meas para cocelo e branqueara. Había que cocelo con cinza do lume para que branqueara o máis posible menturándolle xabón de lavar a roupa. Logo estaba ó clareo, extendíanse as meas para que os sol as branqueara todavía máis. Cando xa estaba lavado e branqueado, secábase e reconllíanse as meas co propósito de debanalo e logo tecelo".

Oliva, alumna sénior UNED A Coruña




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Follow by Email