Los séniores de la UNED-A Coruña

miércoles, 18 de mayo de 2016

"O apoio do escritor Manuel María", por Mercedes Cachaza, alumna sénior UNED A Coruña





"Desde o ano 1963, xa van homenaxeados 53 escritores en lingua galega, -que en tempos moi difíciles para o uso da nosa lingua materna-, defenderon con gran empeño e mestría a esencia e a identidade do pobo galego como tal. Qué sería de Galicia sen escritores na lingua materna?

Sencillamente Galicia sería a gran descoñecida, a gran ignorada porque non habería constancia escrita de toda canta riqueza encerra o pobo galego con personalidade e lingua propias. Porque unha cousa é ben certa: a lingua é o sinal de identidade dun pobo.


Certo que a tradición oral tamén ten a súa importanica, e o turismo, a política, a gandeiría,  a industría,  a pesca e toda canta riqueza garda a terra gelega. Pero cando non queda constancia escrita de algo, desvirtúase e incluso pode chegar a desaparecer.

¿Por qué dicimos que ós nosos escritores en lingua galega lles tocou vivir tempos moi difíciles? Non se trataba de que viviran na miseria nin que estiveran no paro, nin cousas polo estilo. 

Eran persoas cultas, de situación económica máis ou menos acomodada, algús incluso fillos da fidalguía que poderían desempeñar un rol social en boa situación, sen grandes contratempos. Pero non. Tiveron que superar moitos obstáculos principalmente de tipo ideolóxico e político para poder expresarse na lingua que mama no berce o pobo galego, principalmente o do medio rural. E todo eso por defender a idiosincrasia do pobo galego cunha ferramenta tan natural como é a fala e a palabra escrita.

O Alumnado da UNED Sénior da Galicia rural sabe moito deso. Este colectivo víuse privado de expresarse na súa lingua materna na escola, na igrexa e na administración… se non quería ser negativamete discriminado. Alguén se encargou de convencelo de que falar e escribir en galego era sinónoimo de ignorancia, de mala educación, de vulgaridade, etc, etc.

Hoxe en día: na Escola, na Administración e nos Medios de Comunicación Social, xa se vai introducindo a lingua galega, pero a Igrexa galega móstrase máis reacia. Que pena! Nin que fora pecado! Non se expresaba na lingua dos seu pobo o propio Fundador?

A realidade é que a lingua en si non discrimina a ninguén porque en tódalas linguas hai palabras para expresa-la grandeza e a dignidade das persoas. En tódalas linguas hai recursos para expresarse de forma culta ou vulgar.

O problema non está nas linguas, o problema está no uso que se faga delas e do no nivel cultural das persoas que as usen. Aínda é hoxe o día que quedan moitos lastres por esta razón.

De feito ós nenos da aldea, fálaselles algo parecido á lingua de Cervantes antes que na lingua de Rosalía, cando debería ser ó revés ou como mínimo falarlles nas dúas linguas cooficiais en Galicia, independentemente da aprendizaxe doutras moitas.

Cantas máis mellor, pero a primeira, debería se-la da casa. Ese sería o xeito normal de proceder, pero non: aínda nos queda moito por aprender. Con este xeito de proceder, o que conseguimos é que moitos galegos vaian polo mundo cargados de complexo de inferioridade, coa autoestima moi baixa, inseguros de ser quen son; cando en realidade o pobo galego ten unhas cualidades dunha talla extraordinaria que non ten nada que evidaiarlle a ninguén.


Ben, pois os escritores en lingua galega poderíamos dicir que se solidarizan co pobo liso e llano, é dicir con todos nós.

No caso que nos ocupa do escritor Manuel María de Outeiro de Rei a quen se lle adica o “Día das Letras Galegas deste ano, foi unha desas persoas que podendo estudiar outra carreira calquera, -de feito querían que fora para avogado- prefiriu ser escritor como testemuña da paisaxe e da paisanaxe galegas.
Por qué esta elección? Porque levaba a Galicia no corazón. Levaba a Galicia no sentimento. Era un galego de pura cepa. Deixou moitos escritos, pero a nós bástanos ver a beleza, a sensibilidade e a grandeza de espírito que refrexa no poema “O Carro” que todos nós coñecemos moi ben, grazas á clase de Música e ó noso benquerido profesor desta asignatura.

Vexamos,

Como chairego que é o primeiro que fai é describirnos con gran delicadeza a Terra Chá que –por extensión- podemos ver nela a todo o medio rural galego. Cando nos di que na Chá, -é dicir no medio rural-, non canta ninguén, estanos a falar da tristura do labrego que non ve recoñecido o seu traballo, da necesidade que sente a xente da aldea de trasladarse a lugares onde o movemento económico é máis rentable; dando lugar á despoboación progresiva do rural.

Faille un canto ó “Carro” porque lle ve os días contados e por eso sente esa morriña constante que el chama señardade. Nos nosos tempos mozos, andaba a xente polas leiras, prados e veigas cantando, atrutando e asubiando e ese mesmo sentimento transmítenolo Manuel María, co canto do carrro.

Pero faino con tanta gradeza de espírito que o compara metafóricamente cun fino asubío e co rechouchío do paxariños.

Nese asubío tamén estamos refrexados nós. Todos nós asubiamos máis dunha vez. O asubío tiña varias funcións: unha festiva para aleda-la vida das persoas labregas, e outra para mandar recado ós que andaban nas leiras para que viñeran xantar. O asubío é unha maneira propia de expresarse e de comunicarse no medio rural.



Ten tanta importancia o asubío que na illa canaria de Gomera, o “silbo gomero” é un ben inmaterial recoñecido como Patrimonio da Humanidade. Tamén compara o canto do carro con ese rechouchío tan suave, tan delicado e tan ledo que oímos pola maña cedo os que vivimos no campo.

Un rechouchío comparable tan só á música celestial.

Pero non se esquece da fortaleza do pobo galego refrexado na cerna dura do carro con exaltación do carballo e do freixo; hoxe en día en perigo de extinción por culpa dos eucaliptos que nos trouxeron de Australia: eses xigantes que nos chuchan o zume da terra a pasos axigantados.

Con todo o abandoado que ve o campo, aínda conserva a esperanza cando nos dí que as cousas vanse aledando porque o carro carreta herba para o gando e trae a colleita para a casa.

Manuel María faleceu fai doce anos e hoxe en día a realidade xa mudou: a herba para o gando está sendo sustuída polos piensos –que non pensan- e pola palla de Castela que se complementa coa vizosa herba da terra galega para alimenta-lo gando. Hoxe en día, a colleita para a casa xa procede en boa medida dos supermercados das grandes áreas comerciais.

Eso é o que cren moitos; pero na realiodae todo sae da terra e do traballo de moitas persoas que traballan de sol a sol en sabe Deus que condicións.

Os mares de plástico producen moito; pero: Nada iguala ó do país! Algún día as augas terán que volver ós seus cauces, a terra galega seguirá manando leite, mel, carne, hortalizas, legumes…de todo. E de primeirísima calidade: pero mentres tanto…
Que pasaría se Manuel María e outras moitas persoas non deixaran constancia desta o outras situacións na terra galega? Que quedaría no esquecemento como quedaron outras moitas cousas sumamente interesantes dos nosos antepasados. Por esa e outras razóns, sentímonos apoiados polos galegos que escriben en lingua galega, porque ninguén o faría mellor nin tan ben.

É normal que a vida evolucione, pero o que non é normal é quedar no esquecemento como pobo con fala e lingua propias. Por eso mostramos o noso agradecemento a todas aquelas persoas que a través da fala e da escrita, deixan constancia da nosa identidade como pobo galego que somos. E a pesar dos pesares: Sentímonos moi orgullosos de ser o que somos e como somos!

E mentres as forzas nos duren, seguiremos celebrando o ¨Día das Letras Galegas” como está mandado para honrar ós nosos escritores, a nosa lingua e, en definitiva… á nosa terra. Se non o facemos nós… Quen o vai facer?"

Mercedes Cachaza Platas
  Alumna da UNED A Coruña
Ayuntamiento de Paderne




Imágenes facilitadas por el coordinador UNED Sénior A Coruña, Luis Ángel Rodríguez Patiño, y realizadas por alumnos del programa, con motivo de la visita a la casa del poeta. 







No hay comentarios:

Publicar un comentario

Follow by Email