Los séniores de la UNED-A Coruña

martes, 13 de octubre de 2015

Una mirada al Algarve portugués, a Sevilla y a Huelva.


Crónica de Mª Lourdes Pérez Freire, alumna da Uned SEnior A Coruña.


"Saímos, o día dous, á seis da mañá, do Val de Xestoso. O autobús xa viña recollendo xente desde Momán. Chegados á A-6, fomos cara a Castela-León. Pasamos por terras de Lugo, o Bierzo, Astorga. Na Bañeza, parada e descanso. Cambio de condutor. Víctor faise co temón. É unha gloria viaxar cunha persoa na que se ten confianza absoluta, por competencia, prudencia e responsabilidade.

Despois de varios kilómetros, deixamos a A-6, e collemos a Vía da Prata. Víctor vainos explicando cada palmo do traxecto. Á dereita, Zamora, terra do pan e do viño. Salamanca á esquerda, cidade culta por excelencia. As devesas con aciñeiras, touros de lidia, as fábricas de embutidos. Guijuelo, á dereita, terra do bo xamón. Seguimos rodando, a serra de Béjar á esquerda.
Xa estamos en Extremadura. Almendralejo, Mérida. Ollamos a ponte romana, enriba do Guadiana. Viñedos, oliveiras, hortos fotovoltaicos, porcos apañando landras debaixo das aciñeiras. Entramos en Andalucía, provincia de Huelva. Algúns eucaliptos, pobos brancos, laranxeiras, fresas. Máis e máis oliveiras. Sevilla queda á esquerda. Divisamos a Cartuja. E disfrutamos dunha fermosísima posta de sol.

Chegamos ao hotel “Martín Alanonso Pinzón”, en Magazón. Aquí, esperábanos a persoa que nos ía acompañar durante todos os días da nosa estancia. Victoria, a nosa guía . Persoa moi competente, agradable e respectuosa, como máis tarde puidemos comprobar.

Magazón pertence á mancomunidade de municipios de Moguer e Palos de la Frontera. Ten uns dous mil habitantes. O resto son casas de veraneo. Xente de Huelva maiormente. Posúe unha longa e fermosa praia.

A partir de aquí, xa é o entorno do Parque de Doñana, dunhas cen mil hectáreas de extensión. Comprende as provincias de Huelva, Cádiz e Sevilla. Parte parque natural e tamén zonas de parque nacional, moito máis restrinxidas no relativo á protección dos ecosistemas. No parque nacional, podemos atopar o lince ibérico, a aguia imperial, dunas móbiles, etc. No parque natural, menos protexido, bosques de pinos, monte baixo e dunas fixas.

No Parque de Doñana chegamos ao palacio do Acebrón, centro de recepción de visitantes e de interpretación do Parque. Alí, visitamos a exposición, onde se amosan exemplares da flora e fauna dos diferentes ecosistemas que conviven no Parque. A vida nas marismas, como evolucionou a agricultura, desde o século XV, nesta zona de Matalascañas e Almonte. Tradicións importantes, como “la saca de las yeguas”, que ten lugar cada vinte e seis de xuño. Lévanas a Almonte. Alí, véndenas. As que non volven ás marismas.

Visitamos a aldea do Rocío. A romería dura dous días. Celébrase a fin de semana de Pentecostés. A irmandade Matriz é a de Almonte. Logo, hai cento catorce irmandades filiales, de Andalucía, do resto de España e tamén dos estranxeiro. A irmandade Matriz colócase diante da porta, e as outras van pasando e vanlles dando a benvida.

O domingo, celébrase a misa de romeiros, nun lateral da ermida. Oficíaa o bispo de Huelva. Ás doce da noite, rézase o rosario. Cando remata, o sempecado da irmandade Matriz, diríxese á ermida, e prodúcese o asalto para sacar a virxe. Logo, os almonteños realizan a procesión, e a virxe vai casa por casa. Finalmente, volve a súa ermida e remata a romería.

Unha vez ao ano, as irmandades peregrinan ao Rocío, ademais do día da romería. A aldea do Rocío conta cuns mil cincocentos habitantes. Pero durante a romería, pode superar o millón. Este santuario atópase nunha zona privilexiada, de marismas, do Parque de Doñana. Estando no Rocío, rezando, poñendo velas, observando a paisaxe, tivemos o privilexio de ver como chegaba unha peregrinación dun pequeno grupo de xente, cantando cancións á virxe (tipo saeta). Foi moi bonito e emocionante. Aínda que cando vemos na televisión dirixirse ao Rocío a algúns señoritos andaluces que explotan aos campesinos, parécenos bastante contraditorio.

Mentres visitamos esta zona, a guía foinos explicando que un trinta e sete por cen do territorio de Huelva é espazo protexido. E isto, xunto coas extensións de fresas, frambuesas, laranxas, mandarinas, etc., conviven cun cinturón industrial moi intenso, onde se atopa CEPSA, ENAGÁS, e outras industrias. Todo isto a tres kilómetros das marismas do Odiel e a cincuenta do Parque de Doñana.

O río Tinto e o Odiel únense nun punto, formando a ría de Huelva, que chega ata Mazagón. Na Punta do Sevo, hai unha estatua, de estilo cubista, duns trinta e sete metros de altura, que representa un frade do mosteiro da Rábida. É un monumento en honor aos descubridores, e tamén hai un museo onde se representan as culturas inca, maya, azteca e cristiana.

Camiño de Faro, capital do Algarve portugués. Pasamos por cultivos de laranxas, fresas (“el oro rojo”). Atravesamos a ponte internacional sobre o Guadiana e as marismas da desembocadura do río. Esta ponte inaugurouse en 1.991. Anteriormente, había que cruzar no ferri. A un lado, Ayamonte. Ao outro, Villarreal de Santo Antonio. O Algarve foi unha zona moi islamizada. Significa “ao oeste do Alandalus”. No século XIII Alfonso III conquistouno para a coroa de Portugal. Viven, principalmente, do turismo, a pesca, froitos secos, etc. Ao turista ofrécenlle o bacallao en todas as súas formas, os pasteis de Belén, o viño verde, o viño de Porto, o café, etc.

Faro ten uns sesenta mil habitantes. É a capital administrativa do Algarve. O terremoto de Lisboa de 1.755, de oito con cinco graos na escala Ritchter, arrasou todo o suroeste de Portugal, que produciu un tsunami que cambiou completamente a orografía do Algarve. En Faro, todo está reconstruído a partir desa data. A ría de Formosa é un ecosistema moi importante. Tamén visitamos a muralla, o Alto da Vila e a catedral, do século XIII, con reformas posteriores. O aeroporto internacional de Faro é unha infraestrutura moi importante para o desenvolvemento económico do Algarve, sobre todo, para a promoción do turismo. Tamén todas as praias, hoteis, urbanizacións e campos de golf están dedicados a este fin. Non só en Faro, senón tamén en Albufeira, Portimao, etc. As persoas que aquí acoden son, sobre todo, ingleses, alemáns e franceses.

Visitamos, logo, o cabo San Vicente, que é o punto máis occidental da península Ibérica. Lugar dedicado ao deus Saturno. Nalgún tempo, pensábase que era a fin da Terra. Alberga unha flora propia da zona, por exemplo, o astrálago vicentino. Cerca do cabo San Vicente, a fortaleza de Sagres, onde don Henrique, o navegante, creou unha importantísima escola de técnicas de navegación, gran impulsora dos posteriores descubrimentos portugueses, quenes levaron anos de ventaxa a Colón. Conquistaron Ceuta, Madeira, as Azores, baixando pola costa de África, Guinea, Cabo Verde, Angola, Mozambique. Don Henrique era Infante de Sagres, onde se levaba a cabo o estudo teórico da navegación. 
A práctica facíase en Lagos, cidade que tamén visitamos. As primeiras carabelas eran portuguesas e tiñan capacidade para desenvolver grandes velocidades.

Coa morte de don Henrique, a fortaleza de Sagres foi abandonada. Máis tarde, foi mandada reconstruir novamente pola raíña María. Lagos, cidade asimesmo importante, albergou o primeiro mercado de esclavos de Europa. Non é algo do que haxa que orgullecerse, desgraciadamente, pero, aí está a historia. Lagos é unha cidade ben fermosa. Gustounos moito. A praza do Infante don Henrique, a igrexa da Santa María, a Porta de Bandeira e a fortaleza de mil cincocentos sesenta. Nesta época, construíuse unha liña defensiva de fortalezas ao longo da costa, para evitar os ataques piratas aos barcos que chegaban cargados de tesouros de ultramar. Estas fortalezas estendíanse, desde a costa de Huelva, ata o cabo San Vicente.

O río Arcade era navegable ata a cidade de Silves, que foi un centro moi importante da cultura musulmana. Actualmente, só é navegable ata Portimao. O parque alentejano do suroeste da costa vicentina é un paraíso para os surfistas e a enerxía eólica, pois sempre fai moito vento. A arquitectura do Algarve é moi característica, con casas pintadas de branco e chemineas decorativas, que semellan os almenares das mezquitas, pero en pequeno, que teñen a súa orixe na época da Reconquista cristiana. Os musulmáns poñían as chemineas en dirección á Meca para rezar. Eran os falsos cristianos. Así, podían seguir practicando a súa relixión de xeito clandestino.

En Portimao, vimos a praia da Rocha, unha pequena fortaleza, o porto deportivo, etc. Ademais do consabido paseo polas rúas adoquinadas, como no resto das cidades que visitamos, contemplando as fermosas casas con galerías de ferro fundido, etc.

Albufeira foi a cidade máis tempo ocupada polos musulmáns, que a dotaron de grandes infraestruturas. Posúe moito ambiente nocturno, dedicado ao turismo. Xa non existen construcións emblemáticas, só tendas, restaurantes, hoteis e servizos para o turismo.

A viaxe a Sevilla frustróusenos un pouco por culpa da choiva. De todas maneiras, fixemos unha panorámica pola cidade e, coa axuda da guía, aprendemos cousas novas. Está na beira do Guadalquivir. 
Ten uns setecentos mil habitantes. Foi berce de moitas civilizacións: tartesios, romanos, etc. Os romanos construíron unha cidade ás aforas: Itálica. En Sevilla, atopouse o tesouro do Carambolo, de ouro macizo. Foi unha zona de gran riqueza comercial. Muza conquistou a cidade no mil douscentos corenta e oito, que dependía do califato de Córdoba. A Torre del Oro, a Giralda son desa época. Fernando III o Santo conquistou a cidade aos musulmáns. 
Colón chega ao seu porto e fúndase a Casa de contratación, actualmente, Archivo de Indias. No século XVIII, trasládase a Casa de Contratación a Cádiz. Fúndanse moitos conventos, que promoven a Semana Santa. 
A Exposición Universal de mil novecentos vinte e nove doulle un gran auxe á cidade. 
Despois da guerra Civil, convírtese na cidade máis importante de Andalucía. Hoxe, é a súa capital. Para a Expo de mil novecentos noventa e dous, dótase de grandes infraestruturas. Na panorámica, a guía foinos amosando os diferentes edificios máis emblemáticos que existen en Sevilla. A Maestranza, que xurdíu para a cría de cabalos e a arte da tauromaquia. É a primeira praza redonda do mundo. A Torre del Oro, de orixe almohade, recuberta de azulexos dourados(de aí o seu nome). O pazo de San Telmo, para recoller nenos orfos e preparalos para a Armada. Desde mil novecentos oitenta está ocupado pola presidencia da Xunta de Andalucía. A catedral, antiga mezquita, da cal só se conserva o patio dos naranxos e a torre da Giralda, que é de orixe almohade. É a catedral gótica máis grande do mundo. Alberga as tumbas de Cristóbal Colón e de Fernando III o Santo. Logo, estivemos na praza de España, que se construiu para a Exposición de mil novecentos vinte e nove, para albergar o pavillón de España. Ten forma semicircular, e simboliza o abrazo do polo español ao pobo suramericano. Tamén vimos os distintos edificios dos países americanos que participaron no Exposición de mil novecentos vinte e nove. Por certo, que son de gran beleza.

Máis tarde, Moguer, onde naceu Juan Ramón Jiménez, en mil novecentos vinte e seis. Autor de “Platero y yo”. Aquí botouse a carabela “La Niña”. No convento de Santa Clara, fixo Colón o Voto Colombino. Polo tanto, foi un pobo con moita participación na conquista de América. É unha zona rica no cultivo das fresas. Son moi coñecidas as fresas de Lepe e o fresón de Palos.

Visitamos tamén Islantilla, unha mancomunidade de municipios entre Lepe e Isla Cristina. Aquí, estaban celebrando “O día da Avoa”, e tivemos a oportunidade de ver bailar flamenco, nunha carpa, a unhas rapaciñas novas, dedicándollo ás persoas maiores. Moi entrañable.

Paseo por Huelva. O muelle do Tinto, para descargar o mineral das minas. Flamencos e cigoñas nas marismas, etc.

En Punta Umbría houbo sanatorios para os mandos ingleses da mina. O club de fútbol Recreativo de Huelva foi fundado por eles no mil oitocentos oitenta e nove. Na Punta dos Ingleses, fixéronse as casas na duna. É unha punta de area, chea de pinos. A Frecha do Rompido está formada polo río Piedras. Isla Cristina xurdiu do mar no mil setecentos cincuenta e seis, despois do terremoto de Lisboa. Foi fundada por pescadores cataláns e valencianos. Chamáronlle “La Higuerita”. No mil oitocentos trinta e catro, a raíña Cristina de Borbón concedeulle certos privilexios. A partir de aí, pasou a chamarse Isla Cristina, en honor á raíña. É un porto pesqueiro e ten a lonxa máis importante de Andalucía. Praias, montañas de sal, as marismas do Odiel, industrias conserveiras. Celebra un dos carnavais máis antigos de España.

Despois, visitamos Ayamonte e Villarreal de Santo Antonio. Ayamonte ten uns vinte mil oitocentos habitantes. Atópase á beira do Guadiana. Forma un parque natural de bosque de pinos, eucaliptos e marismas. De orixe tartésico. Por aquí pasaba a calzada romana que ía ata Itálica. Estivo ocupada polos musulmáns durante cinco séculos. No século XVI, foi unha zona moi próspera. No século XIX, desenvolveuse moito a pesca e o comercio. Fronteira con Portugal, aquí collíase o ferri para ir ao país veciño, antes da construción da ponte internacional sobre o Guadiana. Ultimamente, vive case exclusivamente do turismo. La Villa é o barrio máis antigo da cidade. La Ribera discorre ao lado do río, con casas señoriais. A igrexa das Angustias é a patrona de Ayamonte. Punta del Moral y La Canela son barrios mariñeiros na desembocadura do Guadiana. Ayamonte é un dos pobos máis bonitos da provincia de Huelva.

Villarreal de Santo Antonio é a cidade portuguesa fronteiriza con Ayamonte, tamén dedicada á pesca e ao turismo. Foi fundada no século XVIII polo marqués de Pombal.

Por último, visitamos os lugares colombinos. O mosteiro da Rábida, do século XV, onde Colón presentou o proxecto da súa viaxe. Pretendía chegar á India polo oeste, en busca das codiciadas especias. Pretendía que Fray Juan Pérez, quen fora confesor da raíña Isabel, intercedera por el, pois xa obtivera a negativa dos reis de Portugal. A raíña Isabel vende as xoias da coroa para financiar a viaxe. Por unha real orde, o pobo de Palos ten a obrigación de proveer de naves e homes a viaxe.

No mosteiro da Rábida, a guía local que nos explicou cada detalle, sorprendeunos dicíndonos que estivera en Galicia, axudando a limpar o chapapote do Prestige. Ademais de boa profesional, solidaria! O aplauso de agradecemento foi sonoro.

Rematamos no muelle das Carabelas, onde se atopa unha recreación da Pinta, La Niña e da nao Santa María, que foron construídas para a Expo de mil novecentos noventa e dous, formando parte do pavillón de España. Aquí, foron instaladas no mil novecentos noventa e tres. Visitámolas, sobre todo, a nao Santa María. A cuberta, as bodegas, o camarote de Colón, na popa. Tamén visitamos o museo e visionamos un vídeo alusivo ao descubrimento. Lástima que en vez de ser un verdadeiro descubrimento, fora unha conquista en toda regra. O maior xenocidio da historia, durante o cal morreron máis de oitenta millóns de indios, por guerras, sífilis, gripe, etc.. Non foi un encontro de culturas como nos queren facer crer.

O día sete, descansamos, nós e máis o chófer, para coller forzas e enfiar a viaxe de volta, e desandar o andado. Moi satisfeitos e agradecidos a quen nos fai posibles estas viaxes tan interesantes.

Só me queda dicir que botamos de menos ao noso coordinador,  Luis Ángel Rodríguez Patiño, e aos nosos delegados Amelia Fornos e Antonio Currás, que, por diferentes razóns, non nos puideron acompañar. Pero, non houbo ningún problema, pois entre a guía Victoria e Víctor Pita fixéronnos disfrutar dunha marabillosa viaxe cultural, amena e ben organizada".








No hay comentarios:

Publicar un comentario