Los séniores de la UNED-A Coruña

miércoles, 4 de marzo de 2015

En tierras "do Cebreiro"




"No día de hoxe, tres de marzo, os alumnos e alumnas da Uned Sénior de A Coruña, Aula de Xestoso, acompañados polo noso profesor Felipe Senén López, fixemos unha viaxe ao Cebreiro, para visitar a capela de Santa María a Real e tamén o conxunto histórico que a rodea.

Seguindo a A6, e deixando os Ancares á esquerda, e á dereita a Torre de Doncos, que controlaba estes pasos (Gustavo Adolfo Bécquer escribiu unha lenda sobre este castelo), continuamos polo gran viaduto que percorre a serra, noutro tempo chea de soutos de castiñeiros, e que eran a base da economía dos habitantes destas terras, proporcionándolles madeira, castañas, etc. Atravesamos o río Navia, que nace nestes montes. Das terras de Doncos e de Becerreá proceden figuras moi interesantes da Transición, como os irmáns Rosón.
El profesor, Felipe Senén, durante la explicación
Á dereita, as terras do Cebreiro. Chegamos a Pedrafita, capital do Concello. E enfilamos a costa cara a parte alta da serra, divisando os camiños acodados, en zig-zag. E, alí, a 1.300 metros de altitude, no lugar máis soleado de Galicia, atópase o conxunto histórico de Santa María a Real do Cebreiro. É esta unha igrexa prerrománica, do século IX. Fundada polo conde de Aurillac, vinculado á orde Beneditina, despois do descubrimento da tumba do apóstolo Santiago, en Compostela, en tempos do rei Alfonso II, e de Carlomagno, para contrarrestar a influencia dos seguidores de Alah. É o monumento máis antigo da ruta xacobea. E creouse para dar acougo e orientación aos peregrinos e potenciar o Camiño de Santiago.

A igrexa alberga unha talla románica da Virxe, do século XII, unha copia dun Cristo do século XV (o orixinal foi levado ao museo de escultura de Valladolid), a pía de cristianar, para o bautismo por inmersión. E, sobre todo, as reliquias do milagre do Santo Grial, co cáliz e a patena (que hoxe forman parte do escudo de Galicia) e os relicarios, agasallo dos reis Católicos, que conteñen restos do corpo e o sangue de Cristo, procedentes do milagre que se produciu cando aquel cura incrédulo oficiaba misa só para un humilde parroquiano devoto. Tamén se atopa, á esquerda do altar, a tumba de Luís Valiña, o cura do Cebreiro, gran impulsor desta igrexa e de todo o Camiño de Santiago. É o creador das ben coñecidas frechas amarelas para a sinalización da ruta xacobea. Felipe, o noso profesor, traballou aquí, nalgún momento, na restauración da igrexa co seu profesor, o arqueólogo Chamoso Lamas.

Ademais da igrexa de Santa María, visitamos dúas pallozas, restos actuais da arquitectura prerromana da zona dos Ancares. Algunha delas estivo habitada ata os anos sesenta e, actualmente, atópase bastante modificada con respecto ao seu estado orixinal. Eran construcións circulares, de pedra e muros anchos, cubertas de palla de centeo, moi similares ás dos outros países celtas, como Irlanda, a Bretaña, etc. Dentro, convivían persoas, animais, apeiros de labranza, menaxe de cociña, etc. Moi interesantes os escanos arredor da lareira, o burro e a gramalleira para colgar o pote. O canizo para curar as castañas, os secadeiros para a carne e os queixos, etc. Todo ben curado e conservado polo fume.

Xa de volta, seguimos disfrutando da fermosa paisaxe destas terras do Cebreiro; pois, a pesar da chuvia, a néboa levantouse nalgún momento para darnos unha tregua. Como sempre, foi esta unha viaxe moi interesante".


Crónica de un alumno de la Uned Sénior A Coruña
Aula  de Xestoso 



No hay comentarios:

Publicar un comentario