Los séniores de la UNED-A Coruña

miércoles, 25 de febrero de 2015

"Verbum" o Casa de las palabras, en Vigo




Crónica escrita por uno de los alumos del programa Sénior A Coruña.



Felipe Senén, profesor del programa Sénior A Coruña
"Hoxe, día 24 de febreiro, os alumnos e alumnas da Uned Sénior de Xestoso, acompañados polo noso coordinador Luis Ángel Rodríguez Patiño, e o noso profesor Felipe Senén López, viaxamos á cidade de Vigo, para visitar o Verbum ou "Casa das Palabras".

Como fai habitualmente, Felipe Senén,  foinos comentando detalles interesantes nos que nos debíamos fixar durante o percorrido. Chegando á cidade de Pontevedra, chamou a atención os malos olores da celulosa, a contaminación da ría a causa dos vertidos, etc. Como viaxamos pola costa, chegando a Marín, o colexio de Placeres, o complexo de Lourizán, coa Casona de Montero Ríos, a Base Naval, obra de Antonio Cominges, etc. Logo, a praia de Portocelo e a de Mogor. Aquí, fixemos unha parada para observar os famosos petróglifos, incluído o labirinto, que nace dunha cruz, unha importantísima obra da arte rupestre, que foi motivo de varios libros e congresos. E tamén a fermosa paisaxe que desde aquí se observa, coa illa de Ons ao fondo.

Seguidamente, a praia de Aguete, o Seixo, onde, ademais da igrexa católica, hai outra protestante bastante importante. Atravesamos a ría pola ponte de Rande, debaixo da cal aínda permanecen os famosos galeóns, dos que fala Julio Verne na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarino”. Á esquerda, a illa de San Simón, antigo lazareto; logo, durísima prisión durante a guerra civil e, posteriormente, orfanato.

Continuando cara a Vigo, á dereita, a Virxe da Guía, deseñada por un arquitecto discípulo de Antonio Palacios. Xa na cidade, entramos polo barrio de Teis. Logo, o Berbés, o barrio máis antigo da cidade. O porto, a antiga estación marítima, desde onde partiron tantas persoas cara América. Construída en 1.959, e diante da cal hai un monumento ao emigrante e tamén á familia que o despedía. Hoxe en día, lugar de chegada e partida de grandes cruceiros turísticos. Un fermoso cruceiro do escultor Faílde. A nova estación marítima, co seu centro de visitantes, lugar de chegada e partida dos pequenos barcos que fan a liña a Cangas, Moaña, ás Cíes, etc. O club Náutico, o antigo hotel Bahía, unha orixinal escultura de Paco Leiro, “O esnafrado”. Un moderno centro comercial.

Deixamos o Berbés e entramos en Bouzas, onde están as grandes consignatarias. A lonxa, cos grandes camións frigoríficos preparados para a distribución do peixe. O porto pesqueiro, o porto industrial. Os estaleiros de Barreras. Seguimos cara a Samil. Á dereita, o museo do Mar, situado na parroquia de Alcabre, onde se atopaban os antigos matadoiros de Vigo. A marabillosa paisaxe da ría de Vigo, coas illas Cíes ao fondo.

Chegamos ao Verbum, motivo principal da nosa viaxe, aínda que non o único. E Felipe explicounos que se trata dun moderno edificio, exemplo da arquitectura contemporánea, deseñado por César Portela. É un cubo, construído con ferro, vidro, pedra e mesmo algúns materiais de importación. Nace no ano 2003. Atópase ao lado de praia de Samil. No centro, contén un lucernario, a través do cal a luz do sol ilumina a estancia de diferentes formas ao longo do día.

O Verbum é un museo interactivo. No seu interior, hai unha serie de cubos de madeira. Cada cubo asóciase cunha letra. Xuntos abarcan todos os aspectos relacionados coa palabra: como falamos, como escoitamos. Diferentes tipos de comunicación. As máis importantes linguas do mundo, cos seus diferentes alfabetos. A súa orixe. A linguaxe corporal. Como xurdiu a escritura, desde os petróglifos, os ideogramas, ata chegar ás letras. As táboas, pergameos, o papel, os libros manuscritos, coa importancia dos Mosteiros na súa confección. Logo, a invención da imprenta, no século XV, co que isto supuxo para a expansión da cultura. Os primeiros libros das diferentes culturas e relixións. A Biblia, o Corán, o libro do xudaísmo, do hinduísmo, etc.

Durante la visita

A árbore xenealóxica das linguas. A familia indoeuropea. Xogos de palabras. As siglas. Adiviñas. Trabalinguas. A importancia das palabras no mundo da publicidade, cun determinado tipo de letras. Algunhas palabras constitúen formas de código universal, como STOP, por exemplo. Os diferentes elementos para escribir: a plumilla, o encerado, o lapis, o bolígrafo, disquetes, discos, microchips, etc., etc. Todo isto ata os nosos días, coa revolución das comunicacións. O cambio da linguaxe. Como se abrevian as palabras. Os ordenadores, os móbiles, as táblets. O alfabeto Braille,etc.

En conclusión que o falar e escribir, a comunicación en xeral, foi un fenómeno evolutivo de miles de anos.

Como sempre, fixemos unha viaxe interesantísima e estamos moi agradecidos a todos os que nos proporcionan estas experiencias."







No hay comentarios:

Publicar un comentario