Los séniores de la UNED-A Coruña

lunes, 1 de septiembre de 2014

Crónica del viaje a Béjar, vista por la alumna sénior Lourdes Pérez Freire








Alumna sénior: Lourdes Pérez Freire



Lourdes Pérez


"Un grupo de alumnos e alumnas da Uned Senior da Coruña, Aula de Xestoso, acompañados polo noso coordinador, D. Luís Ángel Rodríguez Patiño, fomos a Béjar, durante tres días, o 27, 28 e 29 de agosto. Foi unha viaxe curta, pero moi intensa, e ben aproveitada.

Saímos de Momán, o día 27, ás 8 da mañá. O autobús foi recollendo a xente polas distintas parroquias: Cambás, Xestoso, etc. Logo, seguindo por terras de Lugo, chegamos a Villafranca do Bierzo, onde paramos, brevemente, para visitala. Declarada conxunto histórico artístico, traslada ao visitante aos tempos dos señores feudais. É unha vila xacobea por excelencia, pois por aquí pasa o camiño de Santiago. Unha das súas igrexas garda unha porta única no mundo, a Porta do Perdón, de uso exclusivo en Anos Santos, para alcanzar a indulxencia plenaria. Fixemos un percorrido polas súas rúas, fixándonos nos edificios e aspectos máis importantes. Tamén tivemos a oportunidade de ver produtos agrícolas da zona que ofrecían os vendedores do mercado.

A continuación, dirixímonos a Astorga, onde fixemos outra pequena parada para observar, unha vez máis, a súa catedral gótica, que foi construída como ampliación da románica anterior. Incorpora características do gótico florido español, do renacemento, do barroco e do neoclasicismo.

Outro edificio emblemático é o Palacio dos Obispos, de Gaudí.

Despois de Astorga, Salamanca, en tempos, capital da cultura e do pensamento humanista. Aínda hoxe, a súa universidade é das máis importantes de España. Cada pedra de Salamanca rezuma arte e cultura. As súas catedrais, a casa das Conchas, a Praza Maior, etc., etc. Desta vez, nós visitamos a Casa Lis, un fermosísimo edificio modernista, que alberga un museo de Art Nouveau e Art Déco. Na súa orixe, foi un palacete privado, construído, a principios do século XX, por iniciativa dun industrial salmantino. Hoxendía, pertence ao Axuntamento de Salamanca.

Coa chegada a Béjar, onde pernoctamos, concluiu o noso primeiro día de viaxe.

O día 28, seguindo o curso do río Cuerpo de Hombre, visitamos un fermoso pobo, Montemayor del Río, elevado nun montículo, co seu castelo medieval no centro, dominando toda a paisaxe. Neste pobo, fúndense tres elementos: auga, pedra e bosque. Hai especies vexetais atlánticas xunto a outras amigas do calor. O castiñeiro é unha das árbores dominantes nos seus bosques. Antigamente, e aínda hoxe, había unha actividade moi importante de cestería a base de varas de castiñeiro, que mandaban a outras zonas de España, e tamén a Galicia. De feito, atopamos un señor que nos comentou que coñecía bastante a zona de Monforte e Ourense, de vir vender as súas cestas.

Seguidamente, dirixímonos a Baños de Montemayor, xa na provincia de Cáceres, polo tanto, Comunidade Autónoma de Extremadura. O mesmo que o anterior, foi unha zona importantísima de paso, entre as dúas mesetas, pola Vía da Prata. Nunha poboación que se chama Baños, a auga é a protagonista, con máis de dez fontes, as Termas Romanas, o Balneario, etc. Tamén esta vila foi e é moi importante pola cestería de castaño durante moitas xeracións.

Seguindo o noso camiño, e recorrendo parte da Serra de Béjar, pasamos cerca da Covatilla, espazo protexido, coa súa estación de esquí. Entramos na provincia de Ávila, pasando polo Barco de Ávila, conxunto histórico artístico, co seu castelo, o río Tormes, a ponte románica. A serra de Gredos ao fondo.

A continuación, polo porto de Tornavaca, outra vez en Extremadura, entramos no Valle do Jerte. Alí estaban as cerdeiras. Que inmensidade! Non é o mellor momento para velas, nin están floreadas nin teñen cereixas, pero aínda conservan as súas follas verdes. Plantadas en terrazas, con moito traballo para cultivalas, pois non se pode utilizar maquinaria, constitúen unha fonte de riqueza, non só para os habitantes destes pobos, senón tamén para os que podemos disfrutar do seu consumo.

Pasamos polos pobos de Tornavaca, Jerte (onde demos un paseo). Ao lonxe, A Garganta dos Infernos. Máis pobos: Cabezuela del Valle, Navaconejo, en dirección Plasencia. Aquí, observamos a súa fortaleza, o acueduto, a Praza Maior, o teatro Alcázar, etc. Plasencia foi fundada neste lugar por razóns de estratexia militar durante a Reconquista. Hoxe, dedícase maiormente ao sector servizos.

Un dos fermosísimos pobos que visitamos foi Candelario, situado a uns catro kílómetros de Béjar, nunha parte da ladeira da serra. É un pobo cunha arquitectura tradicional perfectamente conservada. As batipuertas para apartar a neve, as canles no laterais das rúas para correr a auga que baixa ao derreterse o xeo da montaña e que se aproveitaba tamén para as labores da matanza, as súas rúas empinadas, as balconadas das casas, etc., etc. Desta vez, tamén poidemos contemplar a casa onde veraneaba Unamuno.

E que dicir de Béjar. Unha cidade que recibiu o nome de a Mánchester de Castela, pola súa produción téxtil. Ao longo do río Cuerpo de Hombre, hai un gran número de fábricas, hoxe, abandonadas. Só unha está en funcionamento. Isto supuxo unha gran riqueza para esta zona. O mesmo que a súa decadencia trouxo consigo unha grave crise económica.

Béjar é unha cidade de gran valor patrimonial e arquitectónico a pesar do desorden urbanístico. O barrio xudeo, a praza Maior, a praza de España, as súas igrexas, a praza de touros, que é a máis antiga de España. A estatua do Home de Musgo fai alusión a unha festa que se celebra o Día de Corpus, e que simboliza a loita dos habitantes desde lugar contra os árabes, durante a Reconquista. A súa camuflaxe de musgo permitíalles pasar desapercibidos na estratexia de loita.

Despois da visita a Béjar, de noite e de día, moi satisfeitos, regresamos á casa, desandando o camiño, coas paradas establecidas para o descanso, e con ganas de facer outra viaxe, probablemente, a Almería e a Granada, segundo se nos comunicou".


No hay comentarios:

Publicar un comentario